|
Entrevista co poeta Héctor
Rosales
Anna
B. Sánchez
Despois
de máis de quince anos, finalmente se publicou Mientras la
lluvia no borre las huellas
(Editorial Ronsel,
Barcelona 2002), o
último libro do uruguaio –afincado en Barcelona– Héctor Rosales
(Montevideo, 1958). Trátase dunha serie de poemas sobre debuxos
de A. R. Castelao que nos transportan á escura realidade da
Galicia rural dos anos trinta, pero tamén á de moitos lugares do
noso tempo.
Alleo a presentacións, Rosales confésase máis preocupado pola
calidade do traballo que pola popularidade da persoa. Nun
momento en que os mais famosos son os que máis venden, el aposta
polo libro mesmo como a mellor promoción posíbel.
Ao
autor uruguaio acostumamos atoparlle na Libraría Inglesa de
Barcelona, metido en varios proxectos pero sempre con tempo para
conversar, sobre todo de literatura.
Menos hermético do que algúns críticos o describen, fala de
Mientras la lluvia… con algo de timidez, pero satisfeito de que
vise a luz un vello e querido proxecto. Con el seguimos algunhas
das pegadas do libro e da súa relación con Galicia.
Para
ampliar o coñecemento sobre o autor podemos visitar a web
oficial
hrosales.com ou as múltiplas referencias aos seus
traballos que circulan pola rede.
ABS
- O libro xorde a partir das ilustracións de Castelao, ¿como
chegaron a ti e que criterios utilizaches para a selección? ¿Cal
era o obxectivo que puxo en marcha o proxecto?
HR -
Se ben vira debuxos illados de Castelao, o primeiro contacto cos
seus álbumes prodúcese en 1979, ano da miña radicación en
España, cando un amigo acepta o encargo de me traer desde Madrid
algunhas das edicións facsímiles que editara Akal naqueles anos.
Lembro o especial impacto que me causaron, a completa
identificación co autor, cos seus principios, a súa valentía, e
as excelentes condicións artísticas para expresar a súa visión
da panorama social de Galicia.
Na
introducción do libro menciono estas primeiras impresións e
tamén algúns detalles da xénese do proxecto.
Pero
resumo aquí os outros dous aspectos da túa pregunta.
Criterios de selección: procurei imaxes que me permitisen
desenvolver historias con diversas temáticas, e que ao mesmo
tempo tivesen unha certa unidade, digamos un halo que tocase as
vertentes mais directas e fondas do desamparo en que está
condenada a ignorancia, a miseria, os perfís da marxinación.
Eu
escribira un par de libros anteriores, os meus dous títulos
iniciais realizados en Montevideo, onde a óptica estaba centrada
no individuo enfrontado á sociedade excluínte, idiotizante,
xeradora de hábitos e medos que reclúen ao home dentro das
paredes da súa própria soidade, deixándoo a mercé das súas
indecisións e dos caprichos do tempo. Pero aquí o home estaba
dentro dun ámbito urbano, e desexaba completar eses rexistros
con unha perspectiva rural, subliñada pola terra e as súas
dependencias. Como me faltaba unha experiencia persoal na que me
inspirar, o traballo de Castelao motivou vivamente a escritura e
serviu de complemento.
Obxectivo do proxecto: en primeira instancia unha homenaxe aos
meus avós (provenientes do mundo rural, galegos e emigrados), a
Castelao e, por extensión, á patria destas persoas e aos seus
fillos, espallados na súa propia terra e espalladas en todo o
mundo, sempre arelando as paisaxes, recendos e sons que
coñeceron na infancia.
Por
outra parte, quixen pechar unha triloxía onde a poesía fose un
instrumento para comunicar á sociedade aqueles xeitos
determinantes de “os seus lados escuros”, os lares da dor, as
loitas e as perseverancias.
ABS
- A primeira sorpresa do libro é unha foto inédita de Castelao
cos teus avós, ¿Que relación houbo entre eles?
HR -
O meu avó materno, Eulogio González Goberna, estivo vinculado
durante máis de cincuenta anos aos círculos galegos de
Montevideo. Entre varias actividades sociais, formou parte da
directiva do Centro Galego e foi o socio-fundador máis novo da
Casa de Galicia, unha relevante mutualista da capital. El
emigrara de Galicia sendo un adolescente e xamais deixou de
querer á súa terra. Nunca esquecerei a súa permanente
preocupación polos seus paisanos nin da súa inquebrantábel
lealdade a toda causa que alente a xustiza social.
Como
representante da emigración galega en Uruguai, o meu avó tratou
con moitas persoas que viñan da súa terra, entre elas Castelao,
a quen admiraba profundamente. Ao cadrar en diversas ocasións co
artista e escritor, co político honesto, co home namorado de
Galiza, o meu avó confirmou na boa persoa de Castelao ao
excepcional autor que lera e seguira con atención anos atrás.
Cando eu nacín, había oito anos que Castelao morrera. E na miña
nenez (nós viviamos en casa dos avós) escoitei ao avó citarlle
numerosas veces como un exemplo, como unha figura da que podería
aprender incesantemente.
Lembro a pequena biblioteca de casa onde predominaban libros en
lingua galega (alá coñecín a Rosalía, Otero Pedrayo, Pardo
Bazán, mesmo autores entón mozos como Uxío Novoneyra, entre
outros), e lembro o entrañábel e murcho exemplar de Sempre en
Galiza do que o meu avó lía e traducía pasaxes en voz alta con
inocultábel emoción.
Non
só o seu trato persoal, daquela, a comuñón ética destes dous
homes os mantivo xuntos máis alén dos seus días terrestres. E
eu, aínda, sigo aprendendo deles.
ABS
- Coñeciches Galicia a través dos teus avós, de escritores como
Castelao e a partir da túa propia experiencia, ¿Que diferencias
salientarías entre as tres visións e como encaixan entre elas?
HR -
Diríache que non hai diferencias destacables, máis ben
correspondencias nos aspectos máis substanciais desa sociedade.
Claro está que a Galiza do 2002 non é a mesma de hai cen anos en
materia de comunicacións, tecnoloxía, desenvolvemento e
normalización da lingua, libre participación de diferentes
ideoloxías políticas, aumento industrial, proxección turística,
etc.
Sen
embargo, aínda que en menor medida, segue sendo unha terra de
emigrantes, ten un dos índices de analfabetismo máis altos de
España (e nin falemos de Europa), e con consecuencias que
afectan significativamente a toda a sociedade.
Neste momento non contamos aquí con espacio como para nos
estender nunha reflexión a fondo sobre a Galicia contemporánea,
pero me gustaría convidar ao lector a que analice (con
informacións a man, argumentos e contrastes) se mudaron moito
–por pór só un par de exemplos– as posicións privilexiadas que
veñen ocupando os poderes eclesiásticos e os da dereita máis
conservadora no seo da poboación.
Por
outra parte, e indo a un eido máis reconfortante, a terra segue
tendo o magnetismo, a feiticeira fermosura pola que suspiraron
os meus maiores. Non me estraña que fose tan difícil de soportar
"a morriña" por paisaxes tan especiais.
ABS
-¿Como se ve Galiza desde o outro lado do Atlántico e desde o
outro extremo da península? ¿De onde cres que está máis preto?
HR -
Si, na túa pregunta xa estás a adiviñar a miña probábel
resposta: está máis preto “do lado de alá”. Na outra beira do
charquiño atlántico, ben pola enorme cantidade de poboación
galega radicada durante décadas e décadas e que sementou de
referencias aqueles países, ou ben polo natural interese dos
seus descendentes cara a terra dos seus ascendentes, Galicia é a
máis notable presencia española no novo continente.
Desde aquelas terras a percepción está repleta de elementos
míticos, como a sublimación dalgunhas cidades e aldeas, ou nos
últimos anos a difusión cultural apoiada nas raíces célticas.
De
todos os xeitoa, alá o peso de Galicia é moito mais notorio que,
poñamos por caso, nesta Cataluña onde vivo hai máis de vintetrés
anos, ou no centro e sur da península, en que non pasa de ser
unha rexión autónoma situada en riba e á esquerda da “pele de
touro”, sen maior relevancia que o de ter catro ou cinco nomes
propios en moda, política e fútbol, e os sinais de identidade da
súa gastronomía e o catedral de Santiago.
ABS
- Nos teus comentarios sitúas este libro como o fecho dunha
triloxía de poesía máis achegada ao lector, se se compara co
resto da túa obra. ¿A o que obedece o cambio?, ¿trátase dunha
necesidade como autor ou da forma máis adecuada para este tipo
de libro?
HR -
O proxecto de libro facía necesario unha linguaxe poética destas
características. Non hai que esquecer que comeza cunha selección
de debuxos; alá xa ficaba a estructura e a temática. Entón
viñeron as composicións baseadas en cada unha desas pezas, as
cales, por si mesmas, abrían pontes moi directas cunha grande
maioría de público. Se a tónica dos poemas fose diferente, en
lugar de ampliar as resonancias desas pontes, os cortarían.
Sobre a miña obra en xeral e as súas variantes, habendo esa
triloxía inicial, logo un par de libros de transición que
chegarían a Desvuelo e, finalmente, o que veño abordando nestes
últimos dez anos, direiche que advirto liñas internas onde
aparece unha certa unidade. E esa unidade non está nos distintos
tratamentos expresivos, senón nunha serie de temas que se
manteñen ao longo dos anos. Falamos, pois, de contidos e
vibracións que articulan o que podería ser un mesmo calco
creativo, pero cunha diversidade de enfoques. Supoño que os
críticos, que xa se ocuparon con tino das miñas cuestións,
presentarán ao lector cada vez mellores análises do conxunto.
ABS
- O tempo que pasou desde que se iniciou o libro ata a súa
publicación permíteche recibilo como lector, ¿Que sorpresas che
deu e como o valoras no panorama literario actual?
HR -
Confésoche que sentía temor á hora de corrixir as probas de
prelo. Son un inconformista por natureza e moito máis en
relación ao meu traballo. Pasaran moitos anos desde a escritura
do libro, e a pesar de que todos os lectores do manuscrito me
falaran eloxiosamente del, ficaba pendente a miña actual
lectura, a que máis temía. Ao final atopeime cun libro
equilibrado onde revalidei as intencións orixinais dunha síntese
verbal en función da síntese implícita en toda imaxe. Volveron a
conmoverme os debuxos castelanianos e achei unha escritura
sincera, sobria, moi consustanciada coas situacións e personaxes
que plasmara o artista galego.
A
sorpresa, pois, foi positiva e descontando algún signo de
puntuación e unha ou dúas conxuncións, non toquei nada do
orixinal.
O
libro é abondo insólito dentro do panorama literario actual; non
teño ningunha referencia sobre unha experiencia poética deste
tipo, me refiro á correspondencia dunha serie de poemas
orixinais con relación aos debuxos de Castelao.
Cadro coa opinión de varias amizades e coa opinión do meu pai,
galego e emigrado (o mesmo que os seus sogros) e a persoa que
máis alentou a xénese desta obra, creo con eles que Mientras la
lluvia no borre la shuellas pode chegar a ser un título moi
próximo aos lectores galegos, principalmente aos que se atopan
fora da súa terra.
Non
é nin será –non é esa a súa pretensión– “un libro de moda”,
senón unha compaña para un camiño máis longo.
ABS
- As ilustracións de Castelao ábrennos unha das xanelas máis
lúcidas e expresivas da realidade das xentes dunha terra
devastada polos abusos do poder, a inxustiza, a miseria, o dor…
Os poemas poñen as ilustracións en movemento a través das voces
dos seus protagonistas que nos explican a súa historia, ou unha
das historias posíbeis, creándose así un diálogo entre o poeta e
o ilustrador pero tamén entre os personaxes e o lector/a. ¿Cal é
o obxectivo de utilizar diferentes narradores e, ao mesmo tempo,
diversos interlocutores?
HR -
Sinxelamente enriquecer os enfoques dos temas. Para utilizar
unha palabriña moi en boga mercé ao imperio informático: darlle
un carácter “interactivo” ao conxunto de textos e imaxes,
obxectivo que, por certo, estivo sempre dentro dos parámetros da
literatura.
ABS
- Ante a realidade social que se impón como unha condena algúns
marchan, outros se renden, outros seguen loitando ata a morte e
outros non atopan máis saída que a tolemia. Falouse moito da
emigración, da guerra, pero ata que punto non se propón a
tolemia como unha reacción lexítima, como a única reacción
posíbel ante realidades dunha dureza imposíbel de asumir.
(Poemas como “La loca del monte” ou “Le mataron un hijo”.)
Creo
que a tolemia non é unha reacción propiamente dita, senón máis
ben unha consecuencia inevitábel de algo que supera ao
individuo.
Ninguén sistematiza con premeditación o uso da tolemia, salvo
algún iluminado de turno, chámase dictador, gurú, salvapatrias,
artista maquillado de xenio, director de marquéting, etc. (os
exemplos abundan, lamentabelmente).
A
tolemia, que pode ter unha raíz conxénita máis alén das
circunstancias vitais da persoa, estala xeralmente ante a
desmesura ou barbarie dunha ou varias accións intolerábeis para
o intelecto e a sensibilidade. E é contundente nas criaturas
máis sinxelas e nas máis sofisticadas; a franxa intermedia, que
é a maioritaria, fica dubidosamente “a salvo” das treboadas por
unha serie de mecanismos onde se mesturan recursos tan diversos
como o instinto de conservación, o sentimento de grupo, a
desidia, o egoísmo, a frivolidade, a capacidade de superación, a
fe relixiosa ou de outra índole, etc.
Máis
alén de todas estas consideracións, é moi difícil definir o que
é a tolemia ou a cordura. Segundo o perfil da maioría: pode ser
tan tolo un siareiro fanático de fútbol en medio dun simposio
sobre teoloxía, como un profesor de artes marciais demostrando
técnicas de ataque e defensa nunha tenda de vasos.
ABS
- Pese á dureza dos temas do libro, tamén hai lugar para a
esperanza, aínda que sexa a de arrebatarlle un día máis á
rendición ou á morte…
HR -
A forma máis alta de rebeldía á desgracia, o que máis lle amola
á morte e aos seus xestores, é que cultivemos e exerzamos a
esperanza. Hai quen di que non existen os milagres: ¿que outra
cousa é a esperanza?
ABS
- A morte planea sobre as ilustracións e poemas, omnipresente,
desde o principio como parte da vida pero aparece en diferentes
matices. A morte espéranos a todos pero, ¿entende a morte de
clases sociais, de poder? ]
HR -
Á morte utilízana os homes para obter escuros fins, convócana,
págana, agóchana. Tamén a empregan para obxectivos máis nobres,
penso agora na eutanasia, que defendo sen discusión. Pero a
morte, con independencia absoluta dos homes e como fiel
lugartenente da vida, cumpre co seu implacable traballo. Pero
que fique claro: non manda nin mata a morte, senon a vida, e
esta ten as súas propias escalas para valorar os seres e as súas
accións.
Para
a vida as clases sociais, o poder, as crenzas e calquera
derivación humana non teñen maior importancia que a lonxitude do
tallo dunha flor ou a intensidade con que brilla e se apaga un
lóstrego.
A
vida dános un tempo indeterminado e somos nós os que nese lapso
afrontamos o repto de lle dar un sentido aos días terrestres, e
mesmo aos non terrestres. Todo sen ningunha garantía, aceptando
que no xogo o común denominador é a incerteza.
ABS
- Dise que a poesía de Rosales convida sempre ao lector a
participar, pero neste caso semella inevitábel que o lector se
posicione e tome partido…
HR -
En efecto, a miña poesía pretende que o lector sexa igualmente
un coautor do texto, o reescriba, o complete, o faga asunto seu.
Nos poemas deste libro non terá mais remedio que afrontar tamén
unha postura ideolóxica, que é a que se desprende da ética de
Castelao e a deste servidor. Nós deixamos as páxinas abertas e
tamén os desexos, a vontade de superar tantas inxustizas, tantos
danos e horrores. Quen os queira seguir fomentando que non se
achegue.
ABS
- O libro pon de manifesto a posición de denuncia e crítica do
poeta. ¿Cal é, desde o teu punto de vista, o compromiso que
debería asumir a poesía hoxe?
HR -
O maior compromiso da poesía é que estea ben escrita, que sexa
independente a todo canto de serea que a derive do seu propio
sendeiro, nacido das inquedanzas do seu autor e dunha procura
compartida co lector.
A
poesía, como xénero literario que traballa con imaxes, ritmo,
síntese, misterio e mesmo historias, ten moito que ofrecer neste
novísimo terceiro milenio. Agora que hai tan pouco tempo e
disposición para enfrontarse a romances de trescentas,
catrocentas ou máis páxinas, é un bo momento para abordar o que
pode expresarse, con igual ou maior fortuna, en moi poucas liñas
dirixidas coa mellor intención á sensibilidade, a intelixencia e
ao corazón dos lectores. |